Hosting por dinahosting.
LAZOS Pro-Solidariedade

Virus do Papiloma

¿Que é o VPH e que pode causar?

É un virus do que existen moitos tipos, que afecta a pel e as mucosas e que pode producir desde lesións banais ata cancro. A maioría das infeccións producidas polo VPH non producen ningún síntoma e resólvense por si soas. Pero é importante, xa que algún dos tipos de VPH poden causar cancro de cérvix.

¿Como se transmite e como previlo?

Naqueles virus que poden ocasionar cancro, as relacións sexuais son o mecanismo fundamental de infección polo VPH, polo que o uso adecuado do preservativo así como a redución do número de parellas sexuais, constitúen as medidas fundamentais de prevención tanto para esta como para outras infeccións de transmisión sexual (ITS). A vacinación ofrece unha medida preventiva adicional para evitar os efectos máis graves da infección por este virus e polo tanto do cancro de cérvix, pero non sustitúe as medidas anteriores. A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, incorpora no calendario de vacinación infantil a vacina fronte ao virus do papiloma humano para previr o cancro de cérvix, nas rapazas nacidas a partir do 1 de xullo de 1994 segundo vaian cumprindo 14 anos.

¿De que protexe a vacina?

A vacina protexe arredor do 70% de casos de cancro de colo de útero que son causados polo virus do papiloma humano de alto risco (tipos 16 e 18), así como doutros cancros menos frecuentes causados por este virus.

¿A quen vai dirixida esta vacina?

O Programa galego de vacinacións introduce de forma voluntaria e gratuíta esta vacina para todas as rapazas nacidas a partir do 1 de xullo do ano 1994, segundo vaian cumprindo 14 anos. Esta idade establécese tendo en conta que o risco de infección polo VPH é máis alto nos primeiros anos a partir do inicio das relacións sexuais.

¿Como é a vacina?

Trátase dunha inxección intramuscular. A vacinación completa necesita tres doses (0/1/6 meses), e é importante recibir todas as doses para acadar unha protección axeitada. A vacina é segura e con escasos e leves efectos secundarios.

¿Onde vacinarse?

Como sempre, a vacina debe ser administrada no seu centro de saúde ou no punto de vacinación habitual. Ademais hai que lembrar…. A importancia do exercicio dunha sexualidade responsable, saudable e segura. Que todas as mulleres, estean ou non vacinadas fronte ao virus do papiloma humano, deben realizar os controis xinecolóxicos habituais.