Hosting por dinahosting.
LAZOS Pro-Solidariedade

Calor e Café

¿Que é o Calor e Café?

O programa Café e Calor é un recurso de baixa esixencia, xestionado por LAZOS Pro-Solidariedade, para persoas usuarias e ex-usuarias de drogas que permanecen desvencellados dos servizos normalizados. Este programa sirve como servizo ponte, entre as persoas usuarias do programa e outros servizos socio-sanitarios.

O programa Calor e Café pretende, por unha banda cubrir necesidades básicas das persoas usuarias do programa, e por outra favorecer a autonomía persoal a través da participación dos/as usuarios/as nas actividades do programa, do apoio social permanente, da formación ocupacional e da creación de redes de apoio que sirvan para mellorar a calidade de vida dos/as usuarios/as, e por extensión do seu contorno.

No Café e Calor, podes demandar:

  • Acollida: Podes gozar dun espazo libre de prexuízos.
  • Almorzos e merendas.
  • Roupeiro
  • Reparto de alimentos
  • Información e orientación social
  • Obradoiros: Habilidades sociais e Alfabetización informática.
  • Cinefórum: Espazo crítico e reflexivo
  • Cibercafé
  • Información, atención, apoio e derivación de persoas con consumos de drogas problemáticos.
  • Grupo de autoaxuda.

O programa Café e Calor é un espazo respectuoso que basea as súas intervencións no apoio mutuo. O programa e os seus servizos é atendido por profesionais e persoas voluntarias que coñecen perfectamente as problemáticas que se presentan no colectivo.

Todos os servizos son gratuítos

 

Por que desenvolvemos Calor e Café?

Existe un número indeterminado de usuarios/as e ex-usuarios/as de drogas que non acoden regularmente aos servizos socio-sanitarios da comarca. Neste grupo de persoas, detéctanse persoas que non teñen as súas necesidades básicas cubertas. Ademais, na nosa zona de actuación, non existe un recurso específico para este colectivo, que actúe como amortiguador das súas problemáticas específicas e da situación de exclusión social na que se atopan.

No programa Calor e Café se ten en conta que hai un grupo de persoas que non queren ou non poden deixar de consumir drogas, e habitualmente non contan con recursos adaptados con estas características. Este recurso afástase dos prexuízos de calquera tipo.

O programa Calor e Café ofrece, polo tanto, un espazo de referencia para o colectivo de usuarios/as e ex-usuarios/as de drogas, no que a través da orientación, a información veraz, a protección social, a participación activa dos usuarios/as, de propostas formativas adaptadas, e do apoio social permanente, pretende paliar algunhas das problemáticas presentes neste colectivo en horario diúrno.

As intervencións do programa Café e Calor pretenden tamén diminuír o impacto do estigma, a discriminación e os sentimentos de culpa que a miúdo, están presentes nestas persoas. O empoderamento, e as visións positivas son abordadas, dende un espazo como este, baseado no respecto aos dereitos humanos, na dignidade da persoa e na solidariedade cos demais.